Friday 17 de May de 2024

Feijóo expresa a lealdade de Galicia convencido de que os retos que ten hoxe España reclaman de todos altura de miras, prudencia e defensa dos valores constitucionais


Incide en que as reclamacións que xorden e xurdirán do noso autogoberno estarán sempre orientadas a enriquecer ese principio de equilibrio e xustiza territorial que inspirou a Constitución española
O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, expresou a lealdade de Galicia, convencido de que os retos que ten hoxe España reclaman de todos altura de miras, prudencia e defensa dos valores que foron transcritos na Constitución española.

Durante o acto de toma de posesión do novo Delegado do Goberno, Francisco Javier Losada de Azpiazu, Feijóo recordou que o Estado tamén somos todos. “Estado son todos os concellos, son todas as corporacións locais. Estado somos todas as comunidades autónomas. Todos formamos parte dunha estrutura administrativa complexa que quere dar respostas a unha sociedade que non é simple”, aseverou, incidindo en que o Estado é a casa de todos, con niveis competenciais e de responsabilidade que comparten o servizo ao ben común.

Nese edificio común, o presidente da Xunta aseverou que Galicia se sente plenamente realizada e partícipe, matizando que non hai unha relación entre a Comunidade galega e o Estado porque o autogoberno galego forma parte do Estado e ten o dereito e o deber de contribuír á conformación das grandes vontades políticas. “Así o fixo e así o seguirá facendo”, dixo, ao que engadiu que os intereses permanentes da Comunidade nunca serán un subterfuxio para a deslealdade, senón unha expresión da lealdade máis fonda.

Ao longo da súa intervención, Feijóo fixo fincapé en que as reclamacións que xorden e xurdirán do noso autogoberno estarán sempre orientadas a enriquecer ese principio de equilibrio e xustiza territorial que inspirou a Constitución española.

Ao respecto expresou o desexo de que o delegado do Goberno en Galicia sexa tamén o delegado de Galicia no Goberno. “Santiago Villanueva o foi, e teño a certeza de que Javier Losada o será”, sentenciou, apelando á longa e frutífera experiencia que o novo delegado ten en ámbitos políticos nos que o diálogo é unha ferramenta esencial.
O presidente do Goberno galego concluíu subliñando que Galicia, nacionalidade histórica, é unha parte fundacional e fundamental do Estado español; “e esa convicción que compartimos –asegurou-, permitirá que o diálogo entre a Xunta e a Delegación do Goberno sexa permanente e teña como beneficiarios os galegos”.